FOTOGRAFÍAS

Baixo o epígrafe "Unha mirada de antano" inaugurouse antonte, no Museo Manuel Torres, desta nosa Vila de Marín, unha exposición fotográfica de Ruth Matilda Anderson con algunhas das moitas instantáneas tomadas por todo Galicia entre 1924 e 1926.

O cartel anunciador, ilústrase cunha foto tomada en Marín 0 17 de Setembro de 1924, entendo que un mozo -novo, descalzo, sobre unha superficie de terra, sementada de garabullos e tendo como fondo a pétrea parede dunha casa da que se deixa ver unha porción moi pequena dunha porta de madeira á que conducen uns pasos de escaleira- loce unha capa que na foto denominan: "capa de Pontevedra, amosando o forro". O, que entendo, portador da capa ten o cabelo oculto baixo un gorro que semella de la, a súa cabeza de perfil permite ollar unha orella e un belo e proporcionado rostro; nada podo dicir dos seus ollos, pois permanecen pechados.

A autora, fotógrafa e investigadora, acudiu a Galicia na compaña do seu pai Alfred T. Anderson coa encomenda de realizar un traballo para a Hispanic Society de Nova York, fundada en 1904 e que engloba: un museo, unha biblioteca Pública e unha institución educativa. Esta Sociedade dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico, estaba dirixida por Archer Milton Huntington quen decidiu que o Museo incluira un arquivo fotográfico.

Pois ben, esas dúas campañas, realizadas en Galicia, frutificaron nun incomparable documento gráfico, incluso de zonas moi difíciles de acceder para os medios e as vías de comunicación da época..., verdadeira acta dos costumes, actividades, formas de vida, vivendas, festas, vestiario etc., dos pobos costeiros e dos de montaña, dos homes do mar e dos homes do campo.

Son moitas as obras expostas e moi variados os temas, teriamos que dispor de moito tempo para tratar de enumeralos, que non é o motivo deste escrito, senón, máis ben, o resaltar a importancia documental que aporta das xentes de fai un século e desta nosa zona de Galicia. Aínda así, resaltarei a aportación ao estudo das vivendas de costa e do interior, algunhas construcción importantes que se estaban a levar a cabo na época. Non pasou por alto as casas da Ribeira de Marín, na desembocadura do Lameiriña; as plantacións de castiñeiros "soutos"; ruínas, como ela denominou ás do Castro de Santa Tegra, na Garda; as pesqueiras de Arbo, no Miño; sen deixar de lado o interior dalgunhas casas ricas como a fotografía sobre a Biblioteca da Marquesa de González Besada en Pontevedra; algúns monumentos, instantáneas costumbristas como: unha nena descalza de loito cunha caldereta de leite, unha campesiña enlutada sentada á beira da casa cun angazo na man e perto dela un pote; unha banda de música cativeira na que resalta ao gaiteiro; labregos descansado dos pesados traballos do campo; mulleres co traxe típico das Mariñas (Betanzos); As feiras; os mercados; a malla; as redeiras; o debullar o millo, os muíños; labores de pesca; medios de transporte (carros e carrillos) camiño das feiras, romerías; ou do campo; oficios como o do afiador coa roda de amolar; zoqueiros; palilleiras... En fin, non canso máis ao lector: Un verdadeiro documento gráfico da nosas xentes, terra, costumes e formas de vida de hai un século.

Deixarei apuntado, que non son un entusiasta da fotografía, máis este documento gráfico é merecente da miña consideración e paga a pena a visita ao Museo desta pequena mostra, e a admiración da obra conservada en tan prestixiosa institución.

A autora ademais das viaxes a Galicia, tamén percorreu León, Asturias, Extremadura e Castela en diferentes épocas. Logo desta última viaxe, antes da Guerra Civil, ocupouse en profundidade do estudo dos traxes típicos españois dos que é autora de varios libros.

Logo da Guerra Civil, entre 1948 e 1949, realizou a súa derradeira viaxe a España.

O volumen documental que elaborou ou adquiriu e tal que se fala de que na súa preimeira viaxe tomou unhas cinco mil fotos e mercou a fotógrafos locais cerca de tres mil. Na súa segunda viaxe tomou unhas dúas mil oitocentas. Resumindo, case nada!

Aproveitemos a ocasión de gozar desta pequena, pero interesantísima mostra que o Museo nos oferta ata finais do mes de San Xoán.

rafadcg@r.gal

6/06/2019