XOÁN VICENTE VIQUEIRA

Madrid (1886) Bergondo, A Coruña (1924)


"Galegos, amade a vosa lingua, porque ela é un rico tesouro oculto! mimádea, faládea, cultivádea; desenterrade o tesouro que garda o xigante alarbe da tiranía".

Neste día, cúmprese o Primeiro Centenario do pasamento de Viqueira Cortón, persoeiro que comeza a ter presenza nas Nosas Letras, sobre todo, logo de que a Real Academia da Lingua Galega tomara o acordo de dedicarlle as Letras Galegas do ano 1974.

Formouse en Galicia e Madrid, licenciouse en Filosofía, traballou en Galicia e sentiuse galego por riba de calquera outra condición. Asistiu a cursos en Francia e Alemaña, amosando un gran interés pola Psicoloxía, doutorándose en Filosofía en Madrid. Deu clases no Instituto Libre de Ensinanza onde tamén estudara:

En 1917 obtén por oposición a praza de catedrático de Psicoloxía do Instituto de Compostela. Casa no mes de maio, dese mesmo ano, con Jacinta Landa Vaz, deste matrimonio naceron tres fillos: Luísa, Jacinto e Carme e xa en novembro é trasladado ao Instituto de A Coruña.

Desde este momento, os sete anos que lle restan de vida, amósase a cada intre máis interesado e preocupado polo que ten que ver co País Galego. Opta pola acción en manter o máis grande contacto coa realidade galega. O seu labor no ensino estará marcado pola eficacia e o anovamento, mentres que a súa actitude como galego será a de acudir alí onde se precisa unha maior presenza:

-Preocupado pola educación do País e coñecedor dos problemas cos que esta se atopa, trata de buscar solucións para os mesmos.

-Detecta os problemas do noso idioma e ingresa nas "Irmandades da Fala".

-Dalle voltas ao Galeguismo e trata de darlle universalidade.

-Escribe versos na nosa Lingua.

-A poesía e a música son dúas das súas grandes paixóns.

Finou en Bergondo (A Coruña), cando aínda non cumprira 38 anos, logo dunha doenza nos cadrís que o acompañou dende a súa infancia. Os seus restos teñen acougo no Camposanto Civil de Ouces.

Deixounos dito: " Os galegos do futuro teñen que empregar indiferentemente: español, galego, portugués e inglés, ensinándose estas catro linguas dende a Escola Primaria".

A alma de Galicia é para el a Lingua galega:

"Alma nosa es ti, lingua".

Non me ocupo aquí da súa obra bibliográfica, nin colaboracións, conferencias, congresos etc. que tiveron que ver coa súa rama profesional (Psicoloxía, Filosofía, Ética ou Metafísica).

A súa obra galega, foi recollida nun libro póstumo, "Ensaios e Poesías", editado como homenaxe en A Coruña en 1930.

Sirvan estas liñas de lembranza, no día do centenario da súa morte.

CANTAR DO BERCE

Baixo do branco luar

logo adormecen as flores;

entre as folliñas repousan

os paxaros voadores.

Durme, amor dos meus amores.

Nas pólas dos abeneiros,

toleirón, de vagariño,

vai dicindo unha cantiga,

para arrolarte, o ventiño.

Durme, durme, meu meniño.

rafadcg@r.gal

29/08/2024