ANTÓN FRAGUAS(1905-1999)

Onte, xantando en Ferreira de Pantón (Lugo), logo de ter visitado o mosteiro feminino cisterciense de Santa María, lembreime, repentinamente, que en tal día se votaba na RAG para elexir o persoeiro que ao longo do ano 2019 homenaxearemos e a quen se dedicarán as Letras Galegas dese ano. Fixen uso do móbil, preguntei a "google" e de contado saltou a nova: Antón Fraguas Fraguas, será a persoa do próximo ano tras acadar a súa candidatura, logo dun apaixonante debate, dezaseis votos, fronte aos oito apoios recibidos polo ferrolán Ricardo Carbalho Calero.

O meu excepcional interés por coñecer con prontitude se o designado fora Fraguas, ademais de polos méritos que atesoura, ben marcado polo feito de ser nativos, El e Eu, do mesmo Concello, hoxe coñecido como Cerdedo-Cotobade, e máis concretamente de dúas parroquias veciñas (Santiago de Loureiro, a súa e, San Miguel de Carballedo, a miña).

Coñecino, alá polos anos setenta, cando na época do estío, viña de veraneo a Insuela, o barrio natal da súa parroquia, dende onde se achegaba ás dependencias do antigo Consistorio, no barrio de Chan en Carballedo, e consumía non poucas horas das vacacións investigando nos arquivos municipais, e que con case total seguridade buscaría algúns datos para moitos dos traballos que á nosa comarca de nacemento dedicou.

Coa ledicia, de que un paisano do meu Concello de nacemento, fora o elexido e xa matinando en profundar ao longo do ano vindeiro na súa obra e vida, encamiñei, xunto cos acompañantes nesta viaxe pola Ribeira Sacra, os pasos a San Miguel e Eiré, logo a San Paio de Diomondi e finalmente a San Estevo de Ribas de Miño..., mais, non puiden deixar, neste percorrido, de facer acordanza dalgunhas pasaxes do seu discurso de entrada na Real Academia da Lingua, a onde chegou proposto por outro cotobadés, Salustiano Portela Pazos (Deán da catedral de Santiago e autor, entre unha abondosa obra, do libro "O Cañón e Pau") natural de San Martiño de Rebordelo, o vigués Luís Iglesias Iglesias (experto entomólogo) e Ramón Otero Pedraio que non precisa de presentación. Veu pois, a ocupar o posto vacante de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nada menos, e a quen dedicou emotivos eloxios na introducción do seu discurso de entrada na Real Academia da Lingua Galega o 8 de maio de 1956, que titulou: "As coplas que se cantaban nas Ruadas de Loureiro de Cotobade". El mesmo nos di: "Para non fatigar moito a atención dos presentes limitámonos a unha pequena mostra do saber popular dunha aldea e titulamos o noso pasatempo "Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán". Para darlle máis valor, fala dun serán real: O do Piornal, entre a Costa e Chandovido, e como nunha noite de domingo viaxan dende o Igresario polo camiño de Cacharredo en forte pendente, cruzan o regueiro do Portalvaral, xa preto de entregar as augas ao Almofrei no Pozo de Cernadas e comezan a subida ao Piornal para asistir ao serán cando, á altura do Frade, escoitan cantar unha copla a un mozo de fóra, que na compaña doutros tamén se dirixe ao serán (Landeiro de Famelga)

Algún día era eu

do teu xardín marabilla,

agora que vou xa vella

son a flor aborrecida.

Logo describe o local: Unha sala grande cunha lacena onde se gardan os panos das mozas, pendurada da parede unha luz de carburo alumea a estancia. As mozas sentadas de redor, a carón da parede para deixar sitio para o baile. Dúas tocan a pandeireta e botan coplas de plantas, rosas, caraveis, rulas, flor da xesta, cucos, canarios, merlos etc.; coplas que fan referencia a amoríos a ausencias tristes (polo servicio militar, emigración...) a desenganos etc., que Antón desenvolve coa humildade que o caracterizaba e co cariño de quen está falando da súa parroquia natal.

Dá resposta o discurso de Fraguas, brillantemente, Ramón Otero Pedraio, do que destacamos: "Este bo fillo de Cotobade, quíxonos ofrecer esta noite a gala e honra do seu país, os seus cantos..." Logo louvou a súa figura e augurou para el o moito que, como evidentemente se demostrou, aportaría, en diversos eidos á cultura da nosa Galicia.

Prosigamos pois, louvando e estudando a María Victoria Moreno no que aínda resta de 2018 e preparemos, como é merecente, un 2019 para don Antón, pleno de recoñecemento, actos, difusión e estudo da súa obra e homenaxes a tan ilustre Cotobadés.

rafadcg@r.gal

8/07/2018