A MIÑA ESCOLA

No mes de San Miguel de 1955, á idade de catro anos, comecei a asistir á escola. Na parroquia de Carballedo, Concello de Cotobade, onde eu nacín; funcionaban nese intre: Un Grupo Escolar, cunha aula para nenas e outra para nenos e, unha Escola Parroquial de nenos.

Durante os meus anos de escolaridade a mestra, titular da agrupación, era Dona Luzdivina Trabazo Fontaíña, que formou as tres irmás miñas. O mestre Don Xosé Correa.

Mais eu, non estiven escolarizado no Grupo Escolar, senón na nomeada Escola Parroquial de Nenos de Carballedo, situada nunha dependencia na planta baixa da Casa do Emigrante, no lugar da Igrexa, a escasos metros da Agrupación Escolar, compartindo recreo e patio cuberto, nos días de invernía. O meu mestre Don Rogelio Mosquera Rey, con quen anos máis tarde coincidín un par de cursos, no Colexio Barcelos de Pontevedra, el como director e, eu como secretario e mestre de Lingua Galega. A día de hoxe, os dous pertencemos ás chamadas clases pasivas. Deixarei apuntado aquí, que entre: os anos anteriores aos sesenta, -entrada na escola-, os que coincidimos como docentes, -finais dos oitenta-, e a data da miña xubilación, setembro de 2011, a escola e as formas de vida soamente son comparables en canto ás diferenzas.

Dende o meu lugar da Asperiña, cunha distancia de quilómetro e medio, que podiamos facer por camiño ou estrada de rebos, non coñecedora aínda do asfalto, e percorrendo topónimos como: Cubeliña, Cuqueira, Os Agros, Os pradiños, O comareiro, Silvela... era unha verdadeira odisea o poder asistir naqueles invernos tremendamente chuviosos, ou cunhas mañás de xeada, onde o lazo nas pozas e os carambelos pendurados acadaban medidas impensables e que nos lugares sombrizos dos camiños permanecían dunha noite para outra, todo iso, sen outro medio de transporte que non fora o camiñar. Pola contra, o paseo en primavera ou verán, era moi agradable e pracenteiro, entre xogos, rechouchío de paxaros, xentes que veñen e van para as veigas cos seus carros e gando. Que bulicio!, hoxe totalmente perdido. O inverno, xa rigoroso de por si, agravábase coas deficientes instalacións da aula, pouco confortables, propias deses anos. Citarei carencias: de auga corrente, retrete, calefacción (non lembro nin sequera un braseiro), malos illamentos... Con estas condicións as catarreiras e as frieiras estaban aseguradas. A aula varriámola os alumnos, os sábados pola tarde que era cando remataba a semana, previa excursión dalgúns á fonte de Pazos para recoller unhas botellas de auga, coa que se salpicaba o chan, de madeira, para que ao varrer non se erguera tanta poeira, ao mesmo tempo tamén se aproveitaba a auga para facer tinta coa que poder repoñer os nosos tinteiros.

Pola contra, a aula non estaba tan mal dotada, no referente a materiais e simboloxía propia daqueles anos: luz eléctrica -salvo cando se queimaba o transformador ou calquera outra avaría moi propia da época, podendo tardar semanas en ser reposto o servizo-, pupitres para cada dous alumnos, un armario, mesa e cadeira do mestre, algúns colgadoiros, mapas físicos e políticos, láminas referentes ao corpo humano, un taboleiro, esfera terrestre, e algunhas coleccións de libros de lectura. Todo isto adornado con tres bandeiras: de España, Falanxista e Requeté (penduradas do teito), así como retratos de: Franco, Xosé Antonio, un crucifixo e unha Inmaculada Concepción.

Os libros polos que transitabamos ao longo dos anos de escola eran: O Rayas, O Parvulito, As Enciclopedias de 1º, 2º e 3º Grao e o catecismo; todo isto acompañado de pranchas para escribir, libreta, lapis, porta pluma, tinteiro, papel secante e estoxo de lapiceiros de cores "Alpino", que conformaban os aveños precisos para a aprendizaxe.

A idade escolar abarcaba dende os seis anos ata os catorce, podendo ao final deste período obter o Certificado de Estudos Primarios ou soamente un Certificado de Escolaridade. Se algún alumno optaba por estudar o bacharelato, debía superar un exame previo, ao ingreso no Instituto, que tiña lugar aos dez anos.A organización do traballo escolar estaba baseado no absoluto silencio, e salvo os discentes de Rayas ou Parvulito, que tiñan un tratamento máis individualizado, os demais organizábanse en tres seccións, desenvolvendo cada grupo o mesmo traballo ao longo da xornada e recibindo as mesmas explicacións e correccións. En cada sección funcionaba unha libreta, nomeada de rotación, xa que cada día pasaba por un alumno distinto e na que quedaban reflectidos os traballos da sección ao longo do curso; falo do "temible caderno de rotación", que tamén servía para presentar ao Inspector nas súas visitas ao Centro.

As clases desenvolvíanse de luns a sábado de 9:30 a 12:30 pola mañá, cun recreo de media hora, e, de 3 a 5 pola tarde. Os xoves, pola tarde, e os primeiros de mes, día de cobro dos mestres na capital, non eran lectivos. No recreo da mañá, ofrecíase unha cunca de leite en pó e, polas tardes, á saída, dábasenos un anaco de queixo holandés que acompañabamos cunha codia de pan de millo que levabamos da casa, e do que gardo mellores lembranzas ca do leite.

Deixarei para outro escrito os xogos, nestes anos da escola.

15/11/2016

rafadcg@r.gal