AS CORTES
Nunha das últimas visitas á casa natal, accedendo polo leste, pareime, con Cecilia, a ollar como as galiñas, agora encerradas, -máis nos tempos da miña nenez ceibes para procurar o saltón no estío- nunha caseta-poleiro que comunica cun pequeno cerrado de arame, acudían prestas a saudarnos cos seus piares, agardando acaso unas verzas, uns grans de millo..., ou quen sabe o que.
Esa noite, non teño seguranza do feito, debín de soñar que: atopándome sentado nas escaleiras que conducen dende o patín á eira de abaixo da casa, miña nai munxía á Cuca moi preto do hórreo e Eu, seguía coa vista como as galiñas de pequenas cristas vermellas, adiviñando o solpor, formaban unha ringleira e mediante a bufarda que presentaba o portal da corte, penetraban, unha a unha, para pasar a noite no poleiro, ocupando os paus que o compoñen a diferentes niveis do chan e ben acompañadas do galo, señor encargado de anunciar o amencer de cada xornada e onde se atoparían seguras das apetencias do moi arteiro golpe, coa bufarda ben cerrada ata o novo día e coa calor dos outros acompañantes de tal recinto...
Creo que nesas matinacións estaba cando espertei, logo duns intres de desconcerto e non podendo acougar o sono, comecei a matinar sobre ese espazo -típico de moitas casas labregas galegas- encargado de acoller a facenda, chamado corte.
Así pois, foron pasando polo meu maxín, uns tras doutros, cos seus departamentos específicos, os diferentes animais que acollía: os gruñidores e enlarafuzados porcos coa súa pía, os xatos no seu específico local arrellados da nai logo de mamar e a que non cesaban de chamar co seu muar, a ovella -acabada de rapar- cunha parella de años moi mansiños e brincadores no seu cortello, as vacas co seu pesebre baleiro e rumiando, as xa amentadas galiñas no seu alto galiñeiro; de cabalos e burros non me lembro, cabras nunca tivemos, durante os anos da miña infancia nin posteriormente, agora ben, oín dos beizos de miña avoa Carmen que, en tempos pasados, si as houbera na casa e que saían a pastar ao monte todas as do vecindario xuntas, formando un gran rabaño e baixo a vixilancia dun pegureiro que, por quenda, se ía nomeando entre os veciños propietarios.
A corte, ademais de acubillar á facenda era o lugar de produción do argueiro, que se ía formando ao estrar as cortes, tarefa diaria, para manter os animais secos, con toxo, fento, restos de herba seca, palla, xesta..., que ao ir mesturándose cos excrementos dos animais e ir entrando en descomposición forma o esterco. Aproveitado para a fertilización das terras de labradío nas que: o millo, as patacas, o centeo, as hortas..., conformaban o outro pé no que se sustentou a vida campesiña ao longo de moitos anos.
Eu seguía sen adormecer, axiña me lembrei de que os tempos son outros, a xente máis nova, no caso de quedarse aquí a vivir, ten que procurar traballo noutros lugares: industria, servizos ou emigrar, pois o sector primario aquí quedou esnaquizado. O secundario case non existe, pois entre a perda de poboación e as mudanzas doutras actividades, que ou ben desapareceron ou se fixeron inviables, reduciuse cunha tendencia cada día máis decrecente: xastres, tendas, fraguas, zapateiros, barbeiros, carpinteiros, albaneis, canteiros, tratantes..., por nomear algúns, atópanse en franca recesión. En canto ao sector terciario, ao decrecer tanto a poboación e mellorar moitísimo as comunicación cada vez precísanse menos servizos.
Minguando a poboación a un moi alto ritmo, cada vez son máis as vivendas pechadas, cortes que xa non o son, mínima ou inexistente a facenda, na Asperiña non existe unha soa vaca... Soneei outro pouco...cando espertei de novo, seguín a pensar nas cortes baleiras..., que lonxe queda toda aquela algarabía que nelas tiña lugar nos anos en que eu me criei.
Outros tempos e quizais outras funcións agarden a estas vivendas de perpiaño, construídas por habelenciosas mans de expertos canteiros, que deseñaron as cortes no baixo, para a facenda, como calefacción do sobrado..., agardemos que estas función cheguen e non vaia esmorecendo a vida rural, na que eu nacín e na que pasei algo máis da primeira década da miña vida.
rafadcg@r.gal
12/10/2020