DEL RIEGO: LETRAS 2023

Francisco Fernández del Riego, Don Paco, vén de ser nomeado, pola RAG, o persoeiro a quen se homenaxeará nas Letras Galegas 2023.

Sentín interese por Del Riego e seguín a súa traxectoria polo mundo político, social e cultural dende os primeiros anos da década dos setenta; seguimento que se acentuou na segunda metade dese decenio, logo da morte de Franco, e coa incorporación da Lingua Galega ao ensino, onde empreguei, non poucas veces, o seu Manual de Historia da Literatura Galega (5ª Edición 1981) -A primeira saíu con data de 1951, o meu ano de nacemento-. Así mesmo fixen uso, en moitas ocasións, do seu libro de viaxes pola Nosa Comunidade: "Galicia". Souben das súas publicación, das súas colaboracións, do seu traballo en GALAXIA, coñecín e seguín a súa Presidencia na Real Academia da Lingua Galega, os tempos de Director na Biblioteca Penzol e a función que desempeñou, ponte de enlace, entre o galeguismo anterior á Guerra Civil (Xeracion Nós), moitos no exilio, e o galeguismo posterior a eses anos escuros que van do 36 ao 63 e algo menos escuros dende o 63 ao 75.

Don Paco, fillo de Vicente e Amanda, foi o primóxénito de 11 irmáns, asistiu á escola en Lourenzá e estudou en Monforte de Lemos e, logo da reválida en Santiago estudou primeiro de Dereito en Madrid, cunha moi activa participación en manifestacións a favor da República: mitins, folgas, peches universitarios...

Logo da lectura da "Teoría do Nacionalismo Galego" de Vicente Risco, posicionouse, xa de por vida, a favor de "NÓS".

Continuou estudos en Santiago, despois dese primeiro ano en Madrid, xa que a familia mudouse a Compostela para que puideran estudar o resto dos fillos.

Na capital de Galicia ten contacto con membros do Seminario de Estudos Galegos: Carballo Calero, Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Florentino López Cuevillas, Vicente Risco, Castelao, Otero Pedraio e comeza unha activa vida cultural, política e galeguista, sendo Secretario do grupo local do Partido Galeguista: participando en mitins e dando conferencias.

Rematada a carreira en 1934 é nomeado profesor axudante de Derito Civil, na facultade de Santiago.

-Colabora na fundación das Mocidades Galeguistas, sendo o seu 1º Secretario Xeral.

-Escribe en xornais e revistas.

-Participa na Campaña do Estatuto de Galicia.

De súpeto, chega o Levantamento Militar, empeza a Guerra Civil, é destituído como profesor e despois de pasar un tempo agochado, por medo á represión, mobilízanse quintas para ir á Guerra e percorre co bando franquista distintas frontes. O camiño que emprendera con tanta ansia e devezo de futuro trúncase coa Guerra Civil e a posterior represión e coerción militar. Acabada a contenda trasládase a Vigo onde é menos coñecido e recibe o apoio de Valentín Paz-Andrade, traballando no seu bufete de avogados que compatibiliza con traballo clandestino en varios centros privados de ensino, ao tempo que colabora en distintas publicacións, as máis das veces empregando pseudónimos como: Salvador Lourenzana, Cosme Barreiro ou Adrián Solovio e trata de manter o fío de unión cos expatriados en América.

-Casa con Evelina Hervelle.

En 1950 funda a Editorial Galaxia tras unha idea conxunta con Xaime Isla. Ramón Piñeiro incorporouse despois como Director Literario e estratego ideolóxico. Del Riego e Ramón Piñeiro foron os seus directores ata 1989.

Ingresa na Real Academia Galega, como numerario en 1960, tres anos máis tarde, o 20 de marzo de 1963, co gallo do Centenario da Publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, xunto con Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, fan a proposta á RAG para a celebración dos DÍA DAS LETRAS GALEGAS, que xa comenzan o seu camiñar ese mesmo ano, homenaxeando a Rosalía de Castro.

En 1997 e con oitenta e catro anos é proposto para presidir a RAG, da que será guieiro ata o ano 2001.

En 1963, nace a Fundación Penzol, da que nos di: "Ao longo de corenta anos a Penzol foi para min, un fogar de cultura onde tiven acubillo". Dende a Penzol mantivo unha ollada e unha intensa relación de correspondencia para facer brilar máis a cooperación entre os de alá e os de aquí, en especial con Luís Seoane. Realizou dúas viaxes para atoparse coa diáspora: unha a Bos Aires e Montevideo e outra máis tarde a Venezuela.

Deixounos unha notoria obra escrita, con case medio cento de títulos sobre Galicia: cultura e persoeiros, así como numerosas colaboracións en xornais e revistas.

En novembro de 2010, morre sen descendencia e dáselle sepultura no cemiterio da Ramallosa en Nigrán, baixo os acordes da gaita de Carlos Núñez.

Nos derradeiros anos recibe abondosos recoñecementos e galardóns e asiste á inauguración dun busto seu na Praza Elíptica de Vigo.

En 1998, fixo unha doazón ao Concello de Vigo, introducindo un Órgano de Vixiancia ou Padroado.

Depositando alí:

-Biblioteca, con máis de 25.000 libros.

-Arquivo documental e fotográfico.

-A xoia principal: o legado epistolar.

-Un álbum de caricaturas de Castelao, realizadas polo propio Castelao.

-Todos os proxectos e debuxos que fixera Gómez Román.

-A colección de Revistas: Industrias Pesqueiras e Industrias Conserveiras.

-Unha importante achega de libros portugueses.

-A súa colección de arte: 79 0bras pictóricas que representan a case todos os pintores galegos da súa época.

Aproveitemos o vindeiro ano (2023) para seguir coñecendo a tan ilustre persoeiro e agasallalo cunhas brillantes Letras Galegas ás que se fixo acreedor.

rafadcg@r.gal

xullo 2022