O MUSEO DO MAR

Teño diante de min os dous billetes cos, que antonte, puidemos acceder, a miña dona Carmen e Eu, ás instalacións da "Asociación Museo do Mar de Marín" (doazón 1 €). Estas entradas, en cuxo logotipo, ademáis do nome, ao que acompaña unha áncora e unha especie de flotador, levan os números 332 e 333, que se corresponden coas visitas, de pago, que dende o dezaseis de xuño, día no que abriu as súas portas, recibiu. O local con entrada por Cocepción Arenal nº 1 ou pola Praza 8 de Marzo, semella axeitado para a bagaxe a amosar.

Descoñezo o número de asociados, máis a iniciativa estivo avalada, segundo se di, por unhas oito mil firmas, o que si resulta sorprendente, que ante tal demanda, O Concello, coa alcaldesa María Ramallo, como Presidenta, miraran para outro lado, ou cando menos, non deran apoio a tal iniciativa... Veremos?

Este proxecto, logo de moito buscar e rebuscar, topou acougo, aínda que de xeito temporal no local da antiga Caixa Nova, hoxe ABANCA, na situación indicada.

Xa no seu interior, quedamos gratamente sorprendidos pola riqueza e montaxe dos materiais expostos: Acolle, neste intre e como exposición temporal, a mostra "FASQUÍAS. EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS A ESCALA", mostra que dará aquí remate a un percorrido por diferentes puntos da provincia. Fasquías, son maquetas de barcos, de diversos tipos, que se explican con paneis ao seu carón: gamela da Guarda, lancha xeiteira, gamela de Coruxo, chalana..., pertencentes á Asociación San Miguel de Bouzas. Racú, Tarrafa charula (única no seu tipo), Galeón de dous paus, galeón 1, dorna... Asociación Deportiva e Cultural Rabandeira. Medio casco, bote ría de Vigo..., Asociación Cultural Sueste.

Exponse temporalmente outra mostra de maquetas, cedidas ao Museo por: Xesús Ogando: Almirante Mont (primeiro baleeiro armado con canón), barco Varino (de río do S. XVIII), Nave exipcia (1500 a. D. C.), Fento (lancha do xeito), Barca lanterna malagueña, Caro D'art "Papei", caiuco (barca andaluza), barco de pixota do Cantábrico, Arrastreiro, Trota Mares, Vapor sardiñeiro Cristina- Marín 1920, Sansón, barca unguk+leira portuguesa, barco carocho (portugués do Río Miño), barco de Xávega (pesca en Praia Mira Aveiro Portugal), barco Rabelo do Douro Portugués, barco Herveiro do Guadiana (Portugal), Nave Fenicia (700-500 a. de C.), góndola Veneciana, Goleta do XVII, San Felipe (galeón español), Américo Vespucio (Armada Italiana, buque Escola), Victory (galeón inglés do S. XVIII) etc.

Ademais dunha gra mostra de artes de pesca (palangre ou pincho, trasmallo, xeito, cerco...), aparellos de marisqueo (trueiros ou ganapáns), rasqueta percebeira, nasas de diferentes tipos, áncoras variadas, instrumentos de navegación, ferramentas de carpintería de ribeira nunha recreación dun taller, unha sala con fotografías de xentes de Marín e o mar, titulada: Marín Vila mariñeira.

Non podo deixar de salientar a aportación do profesor César Pais, que coa súa fantástica colección de peixes, moluscos, crustáceos..., sorprenderá a todo aquel que teña interés polas cousas mariñas e visite este local, (configurándose esta aportación, como a estrela do Museo).

Só resta desexarlle sorte e ánimo aos organizadores e dirixentes para que poidamos ter un local estable, do que é merecente tan interesante mostra sobre o mar, neste Concello, que como o seu escudo reza : "In Mare Nostra Fortuna".


rafadcg@r.gal

19/07/2018