MINARÍA ASTURIANA (2)

Unha vez no final do túnel, e xa fóra do tren, arremuiñamonos derredor do Guía que nos deu unha explicación e nos acompañou ao longo de toda a visita. Rematada a charla, achegámonos ata a gaiola, hoxe un ascensor, que nos subiría dende esta primeira planta do Pozo ata a superficie. En diferentes quendas fomos ascendendo, ao tempo que outros visitantes facían o regreso para o tren de volta.

Unha vez na superficie atopámonos co poboado mineiro de "LA NUEVA", consolidado na segunda metade do Século XIX, e lugar onde apareceu unha nova veta de carbón. Poboado que chegou a ter case tres mil habitantes -servizos varios e escola- e que na actualidade, cerrada a explotación en 2002, non chega aos trescentos. Foi declarado Ben de Interés Cultural en 2013 como conxunto histórico. Aquí, nesta chaira, a Empresa "Carbones de la Nueva" construiu a Casa de Máquinas do Pozo de San Luís, un interesante edificio modernista que acolle a maquinaria que movía gran parte da actividade da mina no seu interior, así como a extracción do mineral, as quendas de mineiros, e os aparellos precisos para a explotación a través da gaiola. Os cables saen deste edificio e coa colaboración da torre "Castillete", do ano 1930 cos seus 28 metros de altura, que sostén as poleas polas que pasan estes cables que a máquina recolle ou solta para o descenso ou ascenso da gaiola.

Outros edificios, en superficie, visitables son: "A Lampistería" -paso obrigado dos mineiros ás entradas e saídas, lugar onde se recargaban as lámpadas e o equipamento así como a (recollida-entrega) da ficha da súa asistencia ao traballo. Se todas as fichas eran devoltas, remataba a xornada sen alarmas-, "A Casa de Aseos"-onde comeza e remata a xornada, con armarios e uns singulares colgadoiros que permiten o secado da roupa para o seguinte día, duchas e verdadeiro Centro para discutir con liberdade a súa situación laboral-, "As oficinas" -edificio no que a través dunha pequena fiestra exterior recibían a paga-. "A Caixa de urxencias", "A carpintería" , "A fragua" ou o "Edificio do camiño do carbón" que exhibe na actualidade: locomotoras, vagonetas..., e no que se atopaba antano o taller mecánico.

Contiguo a esta planicie da Empresa atopamos o "Túnel Isabel", antiga mina de montaña, dos primeiros inicios da actividade mineira neste val, cunha monumental porta de pedra e ladrillo.

Dúas opcións para o regreso a estación de Cadavíu: No mesmo tren, voltando á primeira planta do "Pozo San Luís" ou, a través dunha senda segundo nos contaron excelente, doada de transitar e vistosa camiñata, por superficie, duns dous quilómetros de lonxitude. A pesar dos temores á galería, e debido ao cansazo, nosoutros inclinámonos pola primeira opción, que xa non resultou tan traumática como á ida.

En fin, unha experiencia nova, que seguimos a comentar en Mieres acompañados dunha botella de sidra, na Praza Requexu (Praza de San Xóan), presidida polo monumento ao Escanciador. Alí tamén lembramos a Victor Manuel, nado aquí, e cantaruxamos o tema "El abuelo Victor", "picador, allá en la mina" e á miña avoa materna Carmen, que alá polos anos setenta do pasado século sempre repetía: a min as cancións que me gustan son as do asturiano.


rafadcg@r.gal

9/08/2018