AS ARTES GALEGAS

"Unha cousa é a obra realizada polos homes comprometidos coa problemática do seu tempo e outra, a que fan os homes para adornar, musicar, divertimento, ou puro ensaio científico ou estético"

(Seoane)

A Real Academia de Belas Artes de Galicia, acordou homenaxear, cada primeiro de abril, a un persoeiro que sobresaíra pola súa aportación e bo facer en calquera dos campos que abarcan as artes. Así, e dende 2015, nomea cada ano unha figura, para nese día, e tamén ao longo do ano, ao igual que ocorre coas letras galegas, realizar actividades que resalten e dean a coñecer a obra e a vida do homenaxeado. Actividades e actos aos que se van sumando outras institucións de carácter social, educativo, cultural etc.

Esta data, 1 de abril, foi elexida por ser o día no que o Mestre Mateo asentou os linteis do Pórtico da Gloria, na Compostelá catedral, no xa afastado ano de 1188. Así, en lembranza desa data, e dende 2015, vimos agasallando e poñendo en valor artistas.

Como queda dito, abriu os nomeamentos o Mestre Mateo, (arquitecto e escultor) artífice do Pórtico da Gloria e do antigo coro de pedra da catedral, para en 2016 celebrar a Castelao, no 130 aniversario do seu nacemento, persoeiro este, a quen xa as letras galegas homenaxearon en 1964, no segundo ano, logo de Rosalía de Castro, que abriu estas efemérides e foi motivo da celebración das Letras. Recaeu a nominación de 2017 na pintora viveirense, Maruxa Mallo e a de 2018 no arquitecto pontevedrés, do movemento moderno, Alexandro de la Sota. Neste 2019 a Academia elixiu a Luís Seoane, destacada figura deste mundo das artes, que queremos lembrar neste escrito.

Son moitas as facetas nas que Luís Seoane López, (Bos Aires 1910 - A Coruña 1979), destacou: escritor, editor, pintor, deseñador, caricaturista, debuxante, ilustrador, gravador, realizador de murais, xornalista, creador, teórico da arte e figura destacada do Laboratorio de Formas de Galicia.

Nacido en Bos Aires, onde estaban emigrados seus país, estudou en Santiago de Compostela dereito, e tivo que exiliarse logo da Guerra Civil. Na súa cidade de nacemento, fundou a Editorial "Botella ao Mar", que acolleu as aportacións literarias de moitos escritores galegos que tiveran que escapar das represalias Franquistas.

Desenrola unha intensa actividade como pintor e colabora con Isaac Díaz Pardo na fundación das cerámicas da Magdalena en Arxentina, que serían o anticipo da cerámica de Sargadelos aquí en Galicia.

A Real Academia da Lingua Galega, dedicoulle as Letras o ano 1994, e foi homenaxeado durante todo ese ano con moitísimos actos para difundir a súa figura.

Os actos centrais, deste Día das Artes, celebráronse o 1 de abril, no Teatro Colón de A Coruña, con asistencia de autoridades e cun discurso inaugural do Presidente da Academia das Artes: Manuel Quintana Martelo e cun relatorio a cargo de Xosé Díaz Arias de Castro titulado "Significado de Luís Seoane no contexto da cultura Galega do Século XX".

O primeiro de abril, emitiuse un selo de correos co seu retrato e coa data de celebración das Artes de Galicia. Asimismo editouse un cartel -100 exemplares numerados e asinados polo autor para o ano Seoane-. O 25 de Xuño, a Academia de Belas Artes na Coruña acolleu a conferencia a cargo de María Antonia Pérez Rodríguez, "Luís Seoane, axente sociocultural: Primeira etapa de Edicións do Castro".

Cito, estes actos entre outras moitas iniciativas de Asociacións Culturais, Centros de ensino, Cidade da Cultura..., que se adheriron, ou o van facer, á celebración con actos ou actividades en derredor da figura de Luís, ao longo do ano.

Non deixemos de visitar a Fundación que leva o seu nome na cidade de A Coruña, que custodia unha boa mostra da obra deste gran intelectual, ademais de Centro de produción, tendo ao público como colaborador.

Sirvan estas breves notas, como o meu pequeno recoñecemento e homenaxe a tan completa figura e sigamos ao longo do que resta de ano difundindo todo o que aportou a Galicia este polifacético creador.

"Non se trata de rexeitar experiencias puras de arte, pois eses virtuosismos foron necesarios para a evolución, mais a obra que ten acadado máis transcendencia foi aquela comprometida coa problemática do seu tempo"

(Seoane).

rafadcg@r.gal

15/04/2019