MASIDE EN COMBARRO
Na tarde deste 13 de maio, visito, coa miña filla Cecilia e coa miña dona Carmen, no Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra unha mostra pictórica coa sinatura de Carlos Maside (Pontecesures 1897 - Santiago de Compostela 1958).
O cartel que anuncia a exposición amosa unha acuarela súa: unha muller recollendo auga cun balde na fonte, cun título no que lemos, Carlos Maside en Combarro, 1952, bosquexos, debuxos e acuarelas e un pé que anuncia, do 3 de maio ao 16 de xuño de 2019.
Carlos, que logo da Guerra Civil e a posterior represión fora apartado do ensino, represaliado e conducido deste xeito a afastarse das máis novedosas vangardas pictóricas,..., pasa os meses de verán de 1952, xa enfermo, nesta Vila mariñeira, onde podemos dicir que traballando de sol a sol e de cuxa estadía se catalogan 313 obras, das que máis de 100 están penduradas nesta mostra: bosquexos, debuxos a lapis e tinta, acuarelas e media ducia de óleos que pintou no lugar e que rematou posteriormente en Compostela onde residía e onde finou.
O Museo de Pontevedra custodia ademais 21 obras de Carlos Maside.
Ocupouno este frenético tempo na Vila en esculcar, coñecer, estudar e reflexionar, para logo plasmar: os paisanos, pescadores arrastrando redes ou cargando artes de pesca, ou nos seus diversos traballos, mulleres acudindo á fonte co balde, pelando patacas no patín, limpando o peixe, coidando e ocupándose dos cativos, portando cestas ou sellas na cabeza con gran mestría, enlatando na fábrica..., así, peregrinan polos seus apuntamentos: lugares, espazos, o porto, hórreos, xentes, oficios..., en fin que nos deixou trazado un retrato dun pobo, relativamente pobre, emigrado ou en vías de facelo, que vive de cara ao mar, verdadeira instantánea, senón dos máis crueis anos da fame, si das secuelas que se seguían a padecer. Aproveito esta imaxe de Combarro para facela extensiva a outros pobos, aldeas ou cidades de Galicia que por esas datan comezan unha intensa emigración a Europa: Suíza , Alemaña etc.
Nas horas de mañá, cedo, acode aos centros onde se concentra a vida mariñeira: ao peirao, de aí sairán os seus bocetos: de nenos, de nenas, tabernas, rúas, mariñeiros, peirao etc., polas tardes traballa nun funcional taller que alí instalou.
Salientarei que o único óleo que el pintou ao natural, é o que leva por título "A peixeira", para o que a protagonista, accedeu a asistir a algunha sesión ao seu improvisado taller.
O Museo, anuncia coincidindo con esta exposición un obradoiro para nenas e nenos de catro a dez anos.
En Sada, localidade coruñesa, o Museo Galego de Arte Contemporánea, que leva o seu nome, alberga ademais da fábrica de Cerámicas do Castro, un edificio con librería, mostras de cerámica, sala de exposicións temporais e exposicións permanentes con importantes fondos de Castelao, Maside, Seoane ou Díaz Pardo, por nomear algún entre outras moitas figuras relevantes do pincel. Mais, estas instalación a pesar de contar con obras de tan importantes autores e ser de suma importancia para Galicia, permanecen a día de hoxe pechadas ou en uso moi reducido, sen os coidados e o hábitat que precisa semellante material e en risco de perderse. Agardemos acontecementos e que non teñamos que laiarnos dalgunha perda irreversible, por culpa da burocracia e quedemos privados dalgún Maruxa Mallo, Eugenio Granell, Laxeiro, Lugrís... Agardemos que o baleiro legal no que se atopa non dea ao trasto con semellante patrimonio..., agardemos!
rafadcg@r.gal
13/05/2019