POR LALÍN

Onte, na compaña de Carmen, viaxei ao Concello de Lalín cunha dobre finalidade: Visitar a exposición pictórica itinerante, de trinta pezas de Laxeiro, centradas nos seus anos de Bos Aires, co título de: Foi un home. Laxeiro en América, (Bos Aires 1951 -1970), que con motivo da celebración, este ano 2022, do Ano Laxeiro pola Academia Galega de Belas Artes percorrerá París, Madrid e Santiago de Compostela (Cidade da Cultura).

José Otero Abeledo (Laxeiro), que forma parte do grupo dos Renovadores da vangarda galega, pasou moitos anos da súa vida en Bos aires, regresando a España coa decadencia do Franquismo, pasando os últimos anos de vida en Vigo.

A Mostra atópase exposta no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa (1878 -1966) na que fora residencia do cura, astrónomo e matemático nacido neste Concello, onde instalou o primeiro observatorio astronómico de Galicia, alí tiven a ocasión de retratarme co novo telescopio. Neste Museo, tamén hai referencias a Joaquín Lóriga (1895-1927) destacado aviador, natural destas terras.

Logo de tan interesante e grata visita ao Museo Municipal, onde fomos guiados e informados con moita amabilidade, visitamos unha estatua, en pedra, de Laxeiro nas proximidades do Museo e consumimos o que restaba de mañá, tan soleada e apracible, en realizar algunhas compras e pasear as principais rúas ata a hora de comer, xantar, que estando nos días de celebración da LIV Feira do Cocido, festa de interese turístico internacional, non puidemos deixar de degustar este prato do mentado cocido galego.

Xa de tarde, paseamos os espazos verdes próximos ao Concello, agardando a hora de apertura do non moi afastado Pazo de Liñares na veciña parroquia de San Martiño de Prado. Este pazo, que estivo habitado ata o século XX, foi adquirido polo Concello de Lalín a principios do século XXI e logo de rehabitalo foi aberto ao público.

Un paseo en derredor do Pazo, comezando pola fachada principal, aprouximounos á súa grandeza, a fermosura da súas paredes, aos seus brasóns, a colosal chimenea, a capela anexa, ás súas árbores e a outras contrucións anexas como o Centro de xestión do coñecemento arqueolóxico, dependente do Museo Provincial de Pontevedra, dentro do cerrado que o delimita. De contado, en recepción, fomos informados das liñas xerais da visita, normas, e do que nos iamos atopar no noso libre paseo polas súas dependencias: O pazo acolle o Museo Galego das Marionetas, o Museo do xoguete, O Legado "Hilgen" composto por materiais diversos: rochas, diapositivas, instrumentos opticos, ficheiros bibliográficos, equipos de traballo de campo, apuntes, tesinas, teses, unha enorme biblioteca con libros e revistas de xeoloxía... Estes materiais atopanse relacionados cos estudos xeolóxicos impulsados por Isidro Parga Pondal que tiveron varias fases. Na terceira, entre 1959 - 1972, chamada fase plena foi cando J. D. Hilgen -holandés-, aparece por estes lugares para estudar o denominado Complexo de Lalín, e foi tal o seu cariño e apego por estas terras que se convertiu no gran veciño da Serra do Candán. Morto en 2004, deixou disposto que os seus restos se esparexeran por esta Serra, como así se fixo. Catro anos máis tarde chegaron os restos da súa esposa Greet e máis o material que este xeólogo tiña no seu despacho na Universidade de Leinden.

Tamen se custodia, noutra sala, moita información sobre o aviador Lóriga, nacido neste Pazo e falecido en accidente aéreo en Madrid.

A visita, acompañada de medios audiovisuais, resultou do máis amena e puxo fin a un marabilloso e excepcional día polas terras da comarca do Deza.

28/04/2022

rafadcg@r.gal