XULLO DO 69

Aquel mes de Santiago, afastado xa de nós en corenta e nove anos, tiven que pasalo en Valladolid e en Santander por mor de obter o diploma de "Técnicas Xuvenís de Tempo Libre", indispensable requisito, que xunto co Certificado de estudos da Escola de Maxisterio, se requiría para a expedición do título de "Mestre de Primeiro Ensino".

A viaxe á cidade do Pisuerga desde Pontevedra, en tren expreso ata Medina do Campo, para que logo un ferrobús nos achegara á capital provincial, ocupounos ao longo de toda unha noite. Unha vez alí, procuramos o Colexio Menor Onésimo Redondo, onde o noso grupo se atopou con outros, naquel intre aspirantes a Mestres, de diferentes rexións de España.

A pesar dos moitos anos transcorridos recordo, algún feitos que aínda permanecen en min, ou que afloraron hoxe, logo de atoparme cunha fotografía (en branco e negro) da que falarei máis adiante. Así acoden ao meu maxín as: naqueles anos, boas instalación deportivas do Colexio, algunhas -ao meu entender- interesantes charlas de psicología a cargo da, por aquel entón, catedrática de filosofía da Escola Normal de Maxisterio de Valladolid, Cándida Velasco de Frutos, o ocio e as clases de natación nas piscinas municipais a carón do río Pisuerga, a visita á factoría -por aqueles días- denominada fábrica de FASA Renault, a interesante mañá no Museo Nacional de escultura policromada, as andainas polo Paseo Zorrilla, ou polo Campo Grande, as tronadas de todas as tardes que mitigaban algo a calor, as conversas ao fresco logo da cea nas orelas do -moi escaso neste mes de caudal- río Esgueva que discorre ás beiras do amentado Centro, etc.

Estas tres semanas na Meseta, completábanse cunha cuarta na localidade de Somo(Cantabria), nun campamento a carón dunha enorme Praia, coa capital Santander do outro lado da baía. A estancia aquí, da que conservo unha fotografía cos compañeiros de tenda, que nós denominamos Valle-Inclán, segundo me lembra o rótulo que aparece no retrato que deu lugar a este escrito, e no que aparecemos formados os seis integrantes: Manolo Graña, Carlos Seoane, Cabadas Alonso, Victor Cimadevila e un compañeiro do que non lembro o nome por non ser da nosa Escola, Normal e quen lles escribe, quizais no intre de formar para a consigna do día.

Desta estancia Cántabra destacarei: unha marcha ata o "Cabo de Ajo", onde acampamos e pasamos unha noite, ademais de realizar distintos exercicios, con cordas, para descender dende a alta e abrupta costa ao pé do Cantábrico e unha viaxe en barco dende Somo ata a capital provincial, así como a noite en que a televisión nos agasallou coa chegada do home á Lúa, feito que vivín no piñeiral ao mesmo pé da Praia de Somo...

Do regreso a Valladolid, nos autobuses, so lembro a parada en Aguilar de Campoo e o cheiro a galletas do pobo.

O trinta e un de xullo, logo do xantar, recibimos os diplomas e tras unas palabras de despedida do director, Daniel Pato, iniciamos o camiño de retorno á cidade do Lérez, á que chegamos moi cansos, mais coas alforxas cheas de novas experiencias e ilusións.

Semella que foi antonte... pero só queda un ano para as vodas de ouro... Algo choveu dende aquela.


rafadcg@r.gal

22/07/2018