BIENIO FUNESTO
Dende marzo de 2020, data na que a (OMS) recoñeceu a enfermidade producida polo Virus SARS -CoV-2 como unha pandemia, non deixamos de vivir un sen vivir: Normas e pautas nun ou noutro sentido, confinamento, hospitais colapsados, máscaras non e máscaras si, luvas ou non luvas, restricións aquí ou coartacións e limitacións acolá, negocios pechados, carreira polas vacinas, negativismo, lavado de mans, xel desinfectante, corentenas máis ou menos longas, certificados de vacinación si ou non..., mortos, si; isto é o peor, moitas vidas perdidas e que seguen a perderse, aínda que as porcentaxes de pasamentos sexan moito máis asumibles, como nos adoutrinan as autoridades sanitarias, dende a chegada das vacinas. En fin: un bienio aciago que mudou os comportamentos humanos e está a deixar secuelas que aínda están en proceso de valoración.
Agora, cumpridos xa dous anos da arribada deste mal ao País, un novo xiro das autoridades sanitarias pasa a denominar esta peste "GRIPALIZACIÓN", con novas normas: As corentenas non serán impostas polos sanitarios e as "PCR" só se destinan a persoas maiores de sesenta anos ou, vulnerables por padecer patoloxías previas, polo tanto, non hai illamento para casos confirmados leves ou asintomáticos e os contactos estreitos quedan exentos de corentena, só terán que levar máscara en todo lugar e evitar xuntarse con persoas vulnerables. Os casos sen síntomas terán que asistir ao traballo, aínda que se recomenda o teletraballo, agás para os que traballen con colectivos vulnerables.
Anuncian, de todos os xeitos, que o Virus segue a ser vixiado, por se aparecen novas variantes que fagan empeorar a situación e se teña que voltar a novas medidas restrictivas, polo tanto: o fin desta odisea queda pendente de escribir...
O 19 de setembro de 2021 entra en erupción o volcán da Illa da Palma, no arquipélago español das Canarias, actividade que non se deu por rematada ata o 13 de decembro. Esta erupción do volcán "Cumbre Vieja" obrigou ao desaloxo dunhas sete mil persoas e detruíu moitas edificacións e cultivos, afectando a moitas familias que o perderon todo. Agardemos que as axudas prometidas non se fagan agardar, remedien un pouco a situación destas persoas afectadas, que se recuperen do golpe moral, e poidan por en marcha un novo proxecto de vida.
Unha nova desgraza, esta máis preto de nós, na nosa Vila de Marín agardábanos este 15 de febreiro de 2022, co naufraxio en augas de Canadá do arrastreiro "Villa de Pitanxo", que das 24 persoas a bordo, só tres lograron sobrevivir, nove faleceron e doce están desaparecidas. Aciaga nova para o pobo, a comarca e as xentes mariñeiras.
Cando xa estaban a punto de cumprirse os dous anos de Pandemia, o 24 de febreiro de 2022 empezou a invasión rusa de Ucrania, cunha ferocidade e destrución sen límites, continuando a día de hoxe, cun número de refuxiados que se achega aos catro millóns nesta data e cunhas previsións de que esta cifra medre ata os oito ou dez millóns en próximas xornadas.
Se queremos facer referencia ás vítimas que vai deixando atrás, non é doado facer unha valoración, mais visto o poder destructivo do armamento de guerra que se está a empregar e as imaxes coas que nos están ilustrando os diferentes medios de comunicación, presentimos que terminará nunha verdadeira hecatombe.
Cústame atopar cualificativos para tales actuacións, cando transitamos polo século XXI, e non perderamos de referencia, aínda, o ocorrido no século anterior coas dúas Guerras Mundiais, A Guerra Civil de España, amén doutros escarceos bélicos. A especie humana non modifica nin reprime a súa brutalidade e segue a comportarse, cos seus iguais, como verdadeiros bárbaros.
Con este panorama, nada alentador, semella como se nestes anos vinte do século en curso caese sobre a humanidade unha nova restra de pragas.
Agardamos poder rematar aquí este bienio funesto: que a pandemia se vaia encarreirando, que os afectados polo volcán poidan reiniciar as súas vidas e que o sentido común volva a imperar, con prontitude, sobre os mandatarios rusos para poñer punto e final a desfeita e crueldade que están a provocar por un anaco de terra, que por moito valor que se lle atribuia, non vale o que unha soa vida humana.
24/03/2022
rafadcg@r.gal