ESPANTALLOS

Leo no Faro de Vigo a nova que informa, cun fotograma incluído, de que xa se atopan expostos os espantallos que concorren, nesta novena edición, á mostra-concurso que leva por nome: "OS ESPANTALLOS DO RÍO BARBEIRA", no concello de A Lama.

Axiña agromaron en min as lembranzas doutros lugares onde, segundo teño lido, tamén se ven festexando aos espantallos, de xeito que, citarei alguhnas das que neste intre fago acordanza: A festa de Randulfa en Ponte Vilariño no Concello de A Golada, a Festa dos espantallos no Concello coruñés de Vedra, concurso de espantallos no concello de Cervo ou a exposición de pintura co lema de convocatoria "Espantallos en Tomiño", coa fin de implicar á xente do rural animándoa a que instalen espantallos nos vieiros polos que transcorre a ruta de peregrinación a Compostela, seguindo o camino de inverno por este Concello. Defenden aquí, que os espantallos son algo máis que para escorrentar os paxaros e queren que a súa volta ás leiras sirva para engalanar e acompañar aos camiñantes ao longo do seu peregrinar...

Por veces colócanse nos camiños, na beira dos ríos ou noutros lugares de tránsito, tamén nas leiras sementadas ou ben organízanse exposicións ou concursos en lugares cubertos.

A noticia, tamén me fai evocar con presteza o libro de Xosé Neira Vilas, "Espantallo amigo", no que o tío Ramón da Reboreda arma un espantallo, e este, no canto de escorrentar e afastar aos merlos da figueira, faise amigo deles e dos rapaces. Por certo libro de moito éxito, como moitos do bo narrador da parroquia de Santiago de Gres en Vila de Cruces.

Mais, volvendo á nova que espertou o meu degoiro e na que se anuncia unha moi alta participación, acadando os cincuenta e dous espantallos que están, xa colocados, no tramo do Río Barbeira, dende a súa desembocadura no Río Verdugo, ata a Ponte que leva ao San Lourenzo, cun percorrido duns tres quilómetros, e se ilustra esta noticia cunha fotografía dun espantallo xunto ao Mago de Oz..., dicía espertou o meu interés por ser un dos tramos do río Barbeira, que nos anos mozos e aínda non tan mozos, sobre todo nos meses de xuño e xullo percorrín en moitas ocasións as súas orelas, pescudando con cebo de "besbello" ou "saltón" ás troitas "miñas señoras"; denominación que nos deixou Juan José Moralejo Álvarez no seu libro "Guía para pillar as troitas", e que eu conservo con moito cariño por ser galano dun compañeiro de docencia ao que guiei nos primeiros pasos da pescata. O libro contén, do seu puño e letra, unha esaxerada dedicatoria, propia dun principiante, non en dedicatorias, senón en pillar troitas: -Para o amigo Rafael de Castro, troiteiro maior do Cabadosa, na lembranza dos días que paseamos o río na procura das "nosas señoras"-. Lauro Xosé Pedreira. Xullo de 1989.

Por certo, que neste río, foi no único que por aqueles anos puiden avistar a lontra inimiga e gran depredadora das troitas.

Agardemos que a festa acade moitas máis edicións e continue cunha participación tan alta de expositores, pois se acaso, a día de hoxe, os espantallos non cumplen a misión que se lles encomendaba noutras épocas debido ao abandono do campo nesas zonas, ao menos recoñecerémoslle unha función lúdica e de lembranza de tempos pasados. Co abandono dos cultivos, cada ano son menos as aves que hai que escorrentar..., agora estanse a inventar artiluxios para a loita contra o xabaril, que pasou de ser unha especie inexistente nesta zona de Galicia, a mediados do pasado século a convertirse a día de hoxe en azoute e Praga para os poucos cultivos que quedan e en latente perigo nas estradas galegas.

Coa lembranza dos días que percorrín este Río, e co desexo de que a Festa dos Espantallos da Ruta do Río Barbeira continúe por moitos anos máis, remato esta reseña, desexándolle sorte aos concursantes.

rafadcg@r.gal

8/06/2019