A BUXAINA

Polo San Martiño, peóns ao camiño.

Polo San Amaro, peóns ao faiado.


Hoxe, trinta de novembro, rematamos o mes de Santos, -abondoso en ditos populares- coa festividade de San Andrés, que me fai evocar con prontitude outro do refraneiro popular: "Polo San Andrés, peóns aos pés". Isto dáme pé, para lembrar este xogo, que non faltaba na miña infancia, saíndo as buxainas, neste mes, do acubillo para comezar o baile e acudir puntuais á cita e manténdose máis ou menos a súa vixencia ata mediados de xaneiro, que se celebra o San Amaro.

Había que arranxar unha baraza, cousa non moi fácil neses anos da miña nenez, pois as piolas non abundaban, tendo que recorrer, en moitas ocasións, aos canivetes dos foguetes que polo patrón, no caso da miña parroquia San Miguel, cruzaban o ceo, tendo, decote, que disputalos con outros raparigos e poder facerse co fío que os recubría. Este era un cordel fino, moi resistente, que logo nós trenzabamos para darlle o grosor axeitado. Así pois, con baraza, buxaina e algún "pandote", e tras dalgunhas horas de adestramento, entrábase no xogo, polo xeral, con outros pícaros da mesma idade. En calquera camiño, na entrada da escola, no recreo, en calquera curruncho... onde se xuntaran algúns cativos, con presteza aparecía un redondel, que así chamabamos ao círculo empregado para o xogo; alí tería que bailar o peón e nese lugar repousarían "os pandotes", cando a buxaina non bailara ou, no seu arranque final, non conseguira saír fóra del. O "pandote", bailarete de inferior calidade, substituía á buxaina, ata que co golpe dun peón doutro xogador, que tiraba a escachalo, o puña fóra, intre no que se podía recuperar. En todo caso, eran variadas as regras para este xogo segundo o costume das localidades.

Estas miñas lembranzas, datan dos anos cincuenta e principios dos sesenta, logo seguín vendo máis ou menos buxainas, segundo a zona, mais case sempre vencelladas á escola da que non me apartei ata o ano 2011, e estas aparicións na escola, motivadas, na maioria dos casos polos mestres. Hai xa moito tempo que, na zona en que vivo, non vexo a un neno armado de baraza, peón e pandote intentando facelo bailar; nos parques aos que acoden os cativos está desaparecido. Sería bo que, escolas, agrupacións culturais de todo tipo, concellos... seguiran a promocionar estes xogos tradicionais, para que non caesen en total desuso e queden relegados soamente a figuras de museo e lembranzas.

Se agora, e dende este mes, non inundan as zonas de esparcimento ata o quince de xaneiro, San Amaro, tampouco nos fará falta moito faiado para que repousen ata a tempada vindeira...

30/11/2016

rafadcg@r.gal