MAIO

            Mentres as manifestacións obreiras se suceden ao longo de todo o País, neste 1º de maio, bautizado como día da festa do Traballo para reivindicar os dereitos dos traballadores, nalgúns pobos de Galicia, celébrase tamén a -festa dos maios- baixo distintos rituais ou formas de expresión; mais todas elas cun mesmo común denominador e dirixidas a un mesmo obxectivo: Festexar a floración e o renacer da natureza.

Esta festa, maniféstase coa ornamentación, con productos vexetais -fiúncho, espadana, flores etc.- de persoas (maio humano), ou obxectos: figuras cónicas adornadas con coroa, xugos, carros, embarcacións etc. (maio figurativo).

Aquí, en Marín, onde eu resido, todos son figurativos: figuras cónicas con coroa ou embarcacións. Todo vai acompañado de coplas - ás veces fan referencia os seus dicires á chegada do bo tempo e á eclosión da natureza, e outras, aproveitan para criticar, as máis das veces ou para eloxiar, as menos, aos políticos e as súas decisións, tanto a nivel local como máis universal. Estas coplas son interpretadas por rapaces e rapazas axudados duns paus, que participan no acompañamento e cunha músicalidade determinada e propia da zona. Estes grupos de raparigos e raparigas teñen o seu pulo a través dos Centros de Ensino e as AMPAS ou nas Asociacións de Veciños dos barrios. Moitos maios conservan no tempo os nomes, saíndo durante anos baixo unha determinada denominación, noutros casos desaparecen e xorden outros novos.

Nesta Vila, acostuman a saír á rúa á media mañá, fan distintas interpretacións, venden coplas e son contemplados por veciños e visitantes, xa pola tarde ten lugar a actuación oficial do concurso e optan aos distintos premios que outorga o xurado constituído baixo o parasol do "Ateneo Santa Cecilia". Este ano non foi dos mellores en canto a número de participantes: catro de forma cónica e tres embarcacións; da calidade das letras, da súa interpretación, así como da súa elaboración, non teño opinión, xa que non puiden asistir ao evento, iso si, non me cabe dúbida do esforzo e a ilusión que con seguridade achegaron os participantes na configuración e os actuantes na interpretación; mais o número de participantes, antóllaseme moi inferior a anos anteriores. Sería bo que, para que tal tradición non esmoreza, se alentara dende o Ateneo e o Concello a Asociacións de Veciños, AMPAS, Centros de Ensino etc. para que non se perda o compromiso que ao longo dos anos viñeron demostrando con tal celebración.

Cando a última hora da tarde puiden dar un paseo, si constatei, nada máis saír da porta da vivenda, como se están a conservar e transmitir outros costumes: Un deles consiste en colgar ramallos de xestas florecidas nas portas das vivendas ou nos coches, segundo teño entendido para que manteñan libres aos propietarios do "mal de ollo ou meigallo". Avanzamos en séculos, en descubrimentos, en tecnoloxía... mais o xénero humano continua cos seus ritos, polo si ou polo non, poñendo unha candea a Deus e outra ao demo.

Acódeme á memoria Manuel Curros Enríquez co seu poema "O maio", así como o seu cantor de máis sona, Luís Emilio Batallán. Acredito, que moitos dos seus versos seguen, en moitos aspectos, con vixencia a día de hoxe. Deixando a un lado as quintas, (xa abolidas), os foros, as portas (que mudaron noutro tipo de impostos). Usura temos, (aí están as preferentes), segas en Castela non, mais a xente ten que buscar traballos noutras latitudes, como fixo Curros no seu tempo... En fin, que volvemos ser o "pobre do pobo galego". Cando todo o que pide o poema se acade, entón chegará o maio que eu quero, E eses tempos serían para o pobo como verdadeira auga de maio. Agardemos acadalos e que perduren no tempo, que sexan extensos coma días de maio. Cen anos afastan o nacemento de Curros da miña chegada ao mundo, mais son moitas as semellanzas do maio del e do meu.

rafadcg@r.gal

1/05/2017