MINARÍA ASTURIANA(1)

De camiño, entre Oviedo e León, atravesamos este territorio coñecido pola "Conca mineira Asturiana". Conca que abrangue os cursos e as vertentes que alimentan aos ríos Caudal e Nalón e que basicamente se organizan en cinco vales: O de Turón(río afluente do caudal en Mieres), o de Samuño(Langreo) percorrido polo río que lle dá nome e afluente do Nalón, o de Santa Bárbara -en San Martín do Rei Aurelio- que desemboca no Nalón, e os de Villoria e Raigoso (en Laviana) de cuxos vales parten diversas augas que alimentan ao Nalón. Este territorio de difícil orografía, mais dunha beleza singular -onde o verde e a natureza arrodean a un, envolvéndoo cun sopro de frescor e agarimo logo das calores sufocantes dos primeiros días de agosto na nosa bisbarra das rías Baixas- acolle, como testemuña, o que foi e o que queda da explotación de carbón.

De seguido de visitar a, bonita e moi decorada, Igrexa prerrománica de San Xulián dos Prados en Oviedo á primeira hora da mañá e ter consensuado coa miña dona Carmen, e os nosos acompañantes (Celia e Peregrino) o percorrido do día, para facer noite en Mieres do Camiño e, unha vez estudadas as tres opción de visita no Concello de Langreo: Museo da Siderurxia de Asturias, Ecomuseo mineiro Val de Samuño e Museo da Minería e da Industria, acordouse por unanimidade realizar a segunda opción.

Axiña me decatei de que a visita ao ecomuseo era en tren mineiro e como rezaba o folleto informativo: "unha experiencia única". Cando chegamos á estación, sita no lugar de Cadavíu, perfectamente acondicionada e cunha pequena mostra de elementos: traxes, ferramentas e materiais propios de tal oficio, paneis informativos con normas e o percorrido a realizar, fomos informados de que non poderiamos facer a visita ata a tarde e dos horarios posibles. Reservados os billetes, voltamos para xantar á localidade de Ciañu, mais durante a comida xa comecei a sentir o formigo e, se por unha banda, quería coñecer de primeira man sobre o escenario a ardua e difícil vida dos mineiros, pola outra entrábanme certas dúbidas, ao matinar sobre: como me sentiría en tal tobo? Segundo nos informaron a trinta e dous metros de profundidade... Agora, e xa cos billetes reservados, non sería cousa de volverse atrás..., coraxe!

Á hora prevista, informouse ao numeroso grupo que agardabamos, déronse algunhas normas e permitiusenos acceder á plataforma e ocupar os pequenos vagóns, (cada un para catro viaxeiros), baixos, angostos, metálicos, rexos, ruidosos, duros... que unha vez fechada a porta, de cada un deles cun forte tarabelo, -pareceu que nunha prisión nos atopabamos-, polo maquinista ou revisor (Guía) se puxeron en movemento con moito estrondo e balbordo a pesar da velocidade baixa e preguiceira do convoi. Ao pouco, viaxando a carón do río Samuño, aínda a ceo aberto, comezou a información a través dos altofalantes, sobre a flora, fauna, lugares para cascallo, comezo da explotación, fases polas que pasou etc., para máis adiante adentrarse baixo terra pola cova Emilia e percorrer a galería mineira ata a primeira planta do Pozo San Luís. Neste treito, estreitase o túnel, a escuridade é total, a ambientación -moi realista- a través da megafonía, reproduce a vida da mina, cos seus barullos, ecos, ruídos, o tobo faise máis húmido, o silencio invade aos turistas, estamos inmersos no boureo da mina en plena actividade... Direi, que neste treito, puiden constatar que, quen máis quen menos, o visitante enmudece, non sei se para saborexar o día a día da mina, ou se o seu corazón se encolle ante vida tal..., a saber, o medo din que é libre, e cada un ten o que ten..., moitos pensamentos percorren neste treito o meu caletre e imaxino unha, eterna, xornada de traballo aquí, nesta medorenta tobeira.


rafadcg@r.gal

9/08/2018