NO EIRADO DAS MARGARIDAS

            Coñecino, alá pola década dos anos setenta do século XX, cando se incorporou como profesor ao claustro do Colexio San Narciso de Marín, onde eu exercía de mestre. Dende xa, fomos ademais de compañeiros, amigos. Máis adiante chegou ao Centro, Dolores, a que axiña sería a súa dona. Cousas do destino, causamos baixa e abandonamos o Ensino Privado, logo de opositar e obter praza no Ensino Público, o mesmo ano, (1986). Collemos camiños diferentes, destinos que nos foron levando a un e outro lugar, acadamos o retiro, mais a nosa amizade perdurou, pemanecendo a día de hoxe, festividade de San Xosé do ano 2017 (día do seu Santo) e data na que alcanza os setenta anos: Amigo "CHASCO", PARABÉNS.

Con tal motivo, a súa dona está a organizar, para el, unha festa de aniversario, mais unha "festa sorpresa" no Eirado das Margaridas en Poio, celebración á que asisto na compaña da miña dona Carmen e da que brotaron estes apuntamentos.

Agardamos a súa chegada, como estaba previsto, no bar-cafetaría do Restaurante, sala de coidada decoración, na que se aproveitou a pedra galega á vista, combinada coa madeira de bancos e cadeiras. A tal estancia chegou acompañado da súa dona (Dolores) e da filla máis nova (Lucía), sabedor de que alí o agardaría a maior das fillas (Paula) e a súa parella para festexar aniversario e onomástica; mais un caso é contalo e outro vivilo como a face do meu amigo non daba creto ao que os seu ollos lle ofrecían: Alí: os irmáns Abelardo e Carmen, - coas súas parellas Maika e Xosé - María Vitoria e a filla (Marta), afillada súa e, tres parellas de amigos: Peregrino e Celia, Manuel e Pepa e nosoutros, dispostos a pasar unhas horas que resultaron moi gratas acompañándoo, neste día tan especial, e, recibíndoo cunha calorosa ovación. Despois dos saúdos pertinentes, e xa co homenaxeado máis recobrado, fomos conducidos a un salón comedor privado, onde pasamos unhas horas moi ledas, entre anécdotas, contos, mostras de cariño e amizade, galanos dos asistentes, disparos de cámaras de fotos e retratos co móbil para deixar constancia de tal día, acompañado todo dun ben atendido, e suculento xantar... Mais, eu non podo deixar de salientar a verba, coa que, logo de apagar as simbólicas candeas e de recibir os cantos propios do evento, nos obsequiou a súa dona conseguindo que o balbordo, que acompañou ao festexo, cesara por uns intres, os asistentes quedamos mudos e, cando menos a min, as súas palabras, fixéronme matinar sobre a realidade diaria da vida e a convivencia entre parellas.

Este restaurante, que vai para dez anos de servizo, ubícase nunha casona do século XIX, que foi transformada en catro espazos para comer: O Pantumino, a Casiña, O Alboio e A Bodega, sendo este último o que nos acolleu nesta conmemoración.

A Bodega, con sinxela decoración, paredes e chan de pedra, conserva nun dos seus laterais: bocois, pipas, barrís e algúns aveños máis, propios da vendima e da elaboración do viño; as súas trabes de madeira conservadas no reconstruído teito e algún cadro costumista pendurado das paredes acompañan a sinxela, mais, enxebre decoración.

A casa, cunha horta cerrada convertida en xardín, na que sobresae un bonito hórreo e cunha parte de terraza cuberta como elementos principais, loce hoxe espléndida, cun clima tan primaveral invitándonos a alongar a conversa en tan amplo Eirado que, como o seu nome indica, da acubillo a varias matas de Margaridas.

En fin, entrañable xornada, amigo "Chasco", un abrazo e que acades moitos máis.

rafadcg@r.gal

19/03/ 2017