O SABER NON OCUPA...
Alá polos anos sesenta do século XX, irrompe con forza a televisión na sociedade en España. Aqueles primeiros aparellos receptores, en branco e negro, que perdían frecuentemente a sintonía, deixándonos unha pantalla chea de franxas e todo tipo de problemas para volver a sintonizar a única canle existente, era, a pesar de todo, obxecto da nosa devoción. Con celeridade ocuparon o mellor espazo de cafeterías, bares, tabernas, teleclubs, pasando a ser o espello que nos reflectía moitas das modas, costumes e tendencias daqueles anos, converténdose, en pouco tempo, no centro neurálxico de atención nos fogares dos que se fixo dona, non xa de forma paulatina, senón case repentina, ocupando o mellor espazo do salón onde se facía xuntanza ao seu carón e tendo o aparello case tratamento de ídolo.
Pois ben, deses primeiros anos da televisión, vén hoxe á miña lembranza un programa cultural, no que participaban centros escolares de ensino medio: Institutos, Academias, Colexios Privados -relixiosos ou laicos- ..., anunciábase como "Cesta e Puntos", debido ao seu formato de cinco xogadores de cancha, ademais dos reservas, distribuídos de xeito parello ao baloncesto: un base, un escolta, dous alas e un pivote, que facía de capitán e portavoz do equipo, este coa posibilidade de aproveitar algún rebote, cando algunha pregunta era fallada polo equipo contrario. Tamén me acordo, do presentador-árbitro de tales concursos, Daniel Vindel, que dirixiu moitos programas de televisión que xiraban na contorna do deporte.
Agora ben, na miña aldea, seguiamos tal programa, nos bares do pobo ou na casa do Emigrante, primeiros locais que albergaron o aparello, á hora anunciada, con máis ou menos atención cara a pantalla, mais todos admirados da sabedoría dos estudantes do día...
Recordo a dous homes: un de estatura mediana, cara redonda, coloradiño de cara, ben vestido, non de gravata, mais si de americana, peiteando algunhas canas cara atrás, do que me resisto a facer acordanza do seu nome, falto de interés para o acontecido pero personaxe moi coñecido na bisbarra e de moi boa memoria. O outro alto, era doutor, traxeado sempre, calado el, cantaruxeiro nas visitas domiciliarias, calvo, mais sempre con boina a cuxo círculo de amigos pertencía, xogador de tresillo nas tardes sen consulta e posuidor dunha retranca e sorna excepcionais.
Unha tarde, de concurso, o de cara redonda, alardeaba moito de ter acertado unha das preguntas do partido do día; a que continente pertencía o cabo de Boa Esperanza?, cando o Médico, sorprendeunos a todos interrogándo, ao noso xeógrafo de cantina, con esta outra pregunta: e sabería vostede onde se atopa o cabo Fernández? Pensou, cavilou, pois agora non me lembro! Pasados uns días, no mesmo local, dirixiuse ao médico de cabeceira nestes termos: don Xosé, gustaríame saber a localización do cabo Fernández?, pois non fun quen de atopalo, nin sequera, na Enciclopedia de terceiro grao... Sorriu o doutor, botou unha cantareira das súas e finalmente falou: Pero home, vostede tomou en serio a miña interpelación; direille que a min tamén me gustaría sabelo, pois a derradeira vez que o vin, foi o día que me licenciei, por certo que ese día estaba de garda no Cuartel de Infantería de Mariña, Nosa Señora das Dores, do Terzo Norte en Ferrol, onde servía.
Esta anécdota, veraz como a mesma vida, aflora hoxe no meu caletre, moitos anos máis tarde do sucedido, cando se está a falar da desaparición do submarino arxentino "San Juan", con corenta e catro tripulantes a bordo, e tal nova trasládame aos días nos que logo do concurso de escolares, neses anos sesenta, completabamos a xornada televisiva co telefilme "Viaxe ao fondo do mar", nova que me deu pé para as miñas elucubracións deses anos da chegada da televisión.
Por certo, os dous protagonistas desta historia, defuntos dende hai tempo, deron nese pequeno círculo no que nos moviamos, en torno a este café parroquial, naqueles anos da miña xuventude, para moitos outros episodios. Quizais volvan a saír.
6/12/2017