POR MONTEFARO

Cando en 1973, fun chamado a Quintas, hoxe desaparecidas, logo do sorteo de mozos, foime asignado o CIR nº 13 en Figueirido (Pontevedra), a onde me incorporei no recrutamento de abril, logo de ter que presentarme no Cuartel de San Fernando na cidade de Pontevedra, edificio que a día de hoxe alberga a Escola de Belas Artes.

Acabado o periodo de instrución, e, tras xurar bandeira, deixando así a categoría de recruta e acadando a de soldado de artillaría, fun destinado ao Reximento Mixto de artillaría (antiaérea e de costa) con base na Cidade de Ferrol. Alí chegaba convencido, o dous de xullo, de que o período de instrución concluíra e de que aquela rutina adquirida no CIR, (mañás de instrución e preparación física, e tardes de teórica e unha vez alto, clases para os compañeiros sen certificado de Estudos Primarios), melloraría algo. As clases no CIR., impartidas nas horas de lecer proporcionábanos aos mestres as vantaxes de: Poder abandonar o Centro os venres, en vez dos sábados a mediodía, e regresar o luns para a xornada da tarde, non tendo que facelo o domingo, ao toque de retreta, como os demais compañeiros. Pois ben, chegado o día, preséntome ás oito da mañá no Cuartel de Baluarte, unha verdadeira cidadela no centro de Ferrol, e tras imnumerables listas ao longo da mañá, sempre amarrado ao saco petate, pola tarde fomos conducidos a pé ao porto de Ferrol, embarcados e trasladados ao peirao do Castelo da Palma, dende o cal, a pé, ascendemos ata o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, convertido en acubillo da batería nº 13, que velaba pola seguridade da Ría de Ferrol.

Eu nunca tal vira, ía durmir, logo de tan longa xornada, nun mosteiro. Este convento franciscano, segundo souben máis tarde, pasou a recinto militar en 1837 logo da desamortización de Mendizabal. E, menos mal, que dos quince días de revalida que alí agardaban aos recentes artilleiros, os meus quedáronse en catro, ao ser reclamado dende Planas Maiores, No Baluarte, para facerme cargo dunha sección de soldados-alumnos que todas as tardes tiñan que asistir a clases, previas aos exames, de Certificado de Estudos Primarios, que cunha periodicidade trimestral, se celebraban no Reximento.

As xornadas que alí vivín, o que alí vin e sufrín, resultou máis duro que calquera outra actividade no CIR; Ás horas de educación física e instrución matinais, engadiuse, polas calorosas tardes daquel xullo do 73, o arranxo da pista (pico ou pá) segundo tocara, que dende Mugardos conducía ao Mosteiro, unha marcha nocturna, e a escaseza de auga, sen contar as novatadas, completaban o panorama.

Pasaron moitos anos, volvín por Mugardos, a comer o polbo, subín en coche ata Santa Catalina, a estrada asfaltada, xa non hai militares dende 1990, puiden ver aqueles claustros, onde formabamos entre berros atronadores, agora cheos de Paz, e, reviviron en min aqueles días.

Durante o ano e quince días que pasei No Baluarte, antes de obter "a branca" e saír licenciado, volvín nalgunha ocasión máis por Montefaro, tiven tempo de pasear Ferrol, de andar as súas rectas e longas rúas atestadas de militares nas horas de asueto, sufrir o acuartelamento pola morte do almirante Carrero, descubrir as súas prazas: de España, Marqués de Amboage, de Armas, de Canido etc. Camiñar ata o barrio do Inferniño para ver xogar ao Ferrol, tomar o fresco nos Cantóns, cear algunha vez no "Lepanto" sempre ateigado de militares, ir ao cine ao Teatro Jofre, escoitar música sacra en San Xulián, oír moitos toques de diana, xogar nun equipo de balonmán, participar nos campionatos militares de atletismo, ser parte activa de moita paradas militares, comer moitos chuscos, estudar algo, dar moitas clases, soñar co futuro... Mais, nada tan forte como esa semana en Santa Catalina de Montefaro.


rafadcg@r.gal

15/06/2017