2026: ANO OTERO PEDRAYO

Homenaxeado en 2025 Alfonso Daniel Rodríguez "Castelao", coincidindo cos 75 anos do seu pasamento en Bos Aires, o Parlamento de Galicia, a proposta do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, decidiu dedicar este ano 2026 ao "Señor de Trasalva": Don Ramón Otero Pedrayo, ano no que se cumpre o cincuenta aniversario do seu falecemento. Así pois: Queda declarado ano "Oteriano" o 2026 para promover actividades de : investigación, difusión e posta en valor da súa figura e obra a través das Institucións culturais, educativas e académicas de todo Galicia.

Precisamente, fai uns días, relía Eu, no libro "Otero Pedrayo", de Carlos Casares Mouriño, con prólogo de Marino Dónega, a primeira viaxe de Otero a Bos Aires o ano 1947, as conferencias que alí ofreceu, os amigos exiliados que alí abrazou, pero faltaba Castelao, o encontro máis agardado, o máis querido que se atopaba en París. Por fin, de alí a pouco chegou, visitándoo con Virxinia no hotel onde se atopaba aloxado o matrimonio Otero. Non se viran dende o San Xohán de 1936. A emoción do momento e doadamente imaxinable. Otero deixounos dito: "Os vellos amigos, abrazados, nunha forte aperta e chorando xuntos foron dous nenos no colo amoroso da Nosa Terra Nai".

Durante os días que Otero permaneceu en Bos Aires, charlaron longamente, lembraron os esperanzados tempos dos anos anteriores á Guerra, repasaron feitos e datas, lembraron aos amigos, mortos e vivos, pensaron no futuro do país...

Mais, chegou a data da partida de Otero, o 5 de Setembro a separación, Otero retornaba no "Cabo de Hornos". Antes de subir ao barco, nunha pequena Rúa de Bos Aires, non lonxe do porto, apertou contra o seu corazón o corpo de Castelao, que como todos os emigrados o día de saír o barco, procuraban estar lonxe. Logo viu como marchaba moi amodo, chorando, collido do brazo de Virxinia. Ningún dos dous sabía que non se volverían a ver.

Agora, neste ano 2026, que hoxe comeza, entreguémonos a coñecer a súa vida e obra, festexalo e homenaxealo ata 2027, pois de seguro que é merecente de tal recoñecemento este persoeiro que foi designado como "Patriarca das Letras galegas", profundizando na súa vida e obra, no contexto político que lle tocou vivir e non deixemos de facer unha visita ao Pazo de Trasalva, onde morou longas tempadas e a día de hoxe convertido en ¨Fundación Otero Pedrayo".

Tamén en 2026, se acadará o centenario da publicación de: "Guía de Galicia", unha das súas grandes obras.

Así pois, Otero, foi unha das figuras que máis influiron na Literatura, na polítia e na cultura Galega do Século XX: profesor, xeógrafo, ensaísta, novelista, político e figura destacada das Irmandades da Fala e deseguido do Partido Galeguista, tivo un gran compromiso con Galicia.

Foi elexido membro da Real Academia Galega en 1929 e foi o primeiro catedrático de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

rafadcg@r.gal

1/01/2026